viernes, 7 de diciembre de 2012

E de súpeto...

... de súpeto pasaron case 2 meses e só queda unha semana.

Hoxe, deime conta de que levo dende o 16 de outubro sen escribir unha soa letra no blog... e tamén me dei conta de que quizais esta sexa a derradeira vez que escribo dende o país das marabillas, queda unha semana e penso aproveitala, a poder ser, lonxe da computadora!

Venres 7 de Decembro... mañá  ben cedo Ale colle o avión ... ese día parecía tan lonxano e nun abrir e cerrar de ollos está aquí.

Un pracer terte na miña vida!
A intensidade dos sentimentos e das emocións é difícil de explicar, é bastante máis doado sentir, vivir.

Quizais por iso esta entrada ó meu blog e desordenada... porque só é un "bule bule" de sentimentos que necesitan saír...manifestarse.

Hai xa tres meses que me levanto pola mañá (case sempre son a  última, hai costumes que non se perden) e teño a miña familia na mesa para almorzar, que me deito pola noite despois de cear coa miña familia e botar unhas risas e uns contos.  É unha familia pequena, pero tan real e de verdade que ás veces asusta... comezamos sendo unha familia de catro e medramos ata chegar a  ser seis, unha familia na que hai diferentes cores, e diferentes linguas... eso sí, o entendemento e o cariño non entende desas diferenzas.

Familia.
É un privelexio, do que non se decata todo mundo, ter varias familias e ser capaz de sentir nelas, o teu sitio.

Chámanlle a Dominicana o País das Marabillas... e, hoxe, non me extraña "para nada"... é un país capaz de facerte rir e chorar ou enfadarte e relaxarte en tan só 5 minutos.

Aquí aprendemos moito como profesionais da cooperación mais aprendemos sobre todo como persoas. A ollada de cada crianza é un azo para seguir polo camiño que entendo/emos como xusto.

Agora toca reiniciar, volver, comezar de novo....unha nova etapa vai chegar e iso, debe ser motivo de felicidade....aínda que esta semana parece que o que rodea todo son saudades.

3+1
É de persoa humana rexeitar e ficar fodida polas despedidas ata que entendes que as despedidas só son tal se ti o decides. Díxome alguén a quen adoro " a distancia non é canto nos separemos, a distancia é se non volvemos" .... e volver está na nosa man, sempre.

E, de novo, sucesión discontinúa de momentos variados...

festa.arxiz.bruselas.bágoas.Eva.deica.tren.madrid.Fátima.hotel.fogosArtificiais.aeroporto. espera. marina.avión.maletas.despegue.isabela.pastilla.comidaRara.horas.voar.aterrar.PuntaRucia.puntaCana.higüey.taxista.polo.guineo.reencontro.hotelBarato.guagua.santiago.Annie.bandera.accióncallejera.Ale.casa.habitación.Jimenoa.auga.ruído.contaminación.bachata.merengue.bachata.comedor.nenos.Robinson.salaVoluntariado.mar.praia.jeep.río.claro.orange.viva.bolboretas.bolboretas.haití.verde.azul.cores.concho.motoconcho.saltos.Jon.inglés.alotofpeople.iluminadas.risas.rebú.águilas.Pedernales.PuertoPlata.Joya.Hospedaje.monumento.canela.bolboretas.romo.barReal.moskitos....infinito.


Saúde! Hoxe con saudades...



martes, 16 de octubre de 2012

Onde o paraíso...

....aínda é paraíso!

Sei de vello que ás veces as cousas coas que menos se contan son as que mellor saen. Aprendín hai tempo que ás veces ocorren cousas coas que non contas.... E o que máis claro teño é que a única solución que coñezo e sorrir e tirar cara adiante, así as cousas son máis doadas!

Levo días sen escribir...parece que collemos ritmo, que está máis claro o que temos que facer... xa comezamos a redactar proxectos, proxectos para cada un dos departamentos, para melloralos...para que as persoas beneficiarias reciban unha mellor atención en saúde, apoio legal, apoio emocional, as salas de tareas... para que, sobre todo, NNA (nenas, nenos e adolescentes) , teñan garantizados os seus dereitos e poidan seguir loitando para mudar o conto... os finais felices dependen de que as personaxes non se rindan e sigan loitando... eu sinto que aquí hai moitas personaxes dispostas a mudar ... 

Ás veces non resulta doado redactar e organizar os proxectos... os coñecementos do terreo onde nos movemos non é tan fondo, ... sempre hai que contar QUE O QUE RESULTA OBVIO NUNCA O É TANTO!  Pasiño a pasiño...

Por suposto cada minuto desta experiencia non deixa de sorprenderme...no coñecemento do medio ( que asignatura! :P ), o coñecemento das persoas, das vidas, e sobre todo o coñecemento de min mesma.

É sorprendente darse conta do que botas de menos, do que necesitas e, do que tan sequera te lembras...CURIOSO, cando menos. 


Infinito.
Merece a fin de semana unha mención nesta entrada, de ahí o título... a golpe de venres preséntase por casualidade a alternativa de ir en 4x4... alá arrancamos! Puidemos así visitar lugares que indo en guagua sería complicado, ben imposible. Chegamos a La Isabela, previamente cruzamos no coche un río (sí,sí!)...suponse que despois de Haití aquí é onde chegou Colón según o guía ( "os primeiros españois que quedaron na illa viron as indias desnudas,metéronlles mano...os indios encojonáronse e mataron ós españois")... sobra calquera comentario acerca de evanxelizacións e demáis merdas acontecidas no Nuevo Mundo...que me enveneno...xa se sabe... Despois de La Isabela camiño a Punta Rucia...o paraíso, onde desexamos con todas as nosas forzas que NUNCA chegue un Resort...a calidez dun pobo onde todo se vive ó momento... onde podes estar nunha praia enorme solas, completamente solas, coa compaña de caracolas xigantes e algún tronco que trae o mar, quen sabe de onde! ...


.... Seguimos co traballo e disfrutando! Iso sí, lémbrome de vós "a cada rato"...

Saúde!

martes, 9 de octubre de 2012

Historias que cambian vidas...

...vidas que cambian persoas.

Levo demasiado tempo sen escribir, agora complícase contar... para min a dificultade de escribir, de expresarme é directamente proporcional á intensidade das sensacións das emocións.

Estas dúas semanas adícámolas a facer visitas ás diferentes comunidades...pasamos por Cienfuegos, por hato de Yaque, os Guandules... falamos coas crianzas, falamos coas familias e falamos coas mestras... coñecemos a sú realidade, as súas vidas...son tantas cousas para asimilar...e, moitas tamén para canalizar nun proxecto...

Crianzas na comunidade de Cienfuegos, grupo focal.
A violencia, as drogas, a sida, a falta de material, o escaso acceso á educación... sí, iso sempre sae... mais se me tivera que quedar con palabras que oín neses encontros non serían esas...quizais, loita, soño, mellorar, ganas de aprender...! Querer é poder, eu non o tiña tan seguro... aquí hai quen se encarga de recordarmo cada día.

Estamos a voltas cun proxecto onde a necesidade de "cuartos" se pelexa coa ética... é curioso que unha compañía desas que venden ouro negro, desas que joden as persoas, o medio ambiente,...unha desas...ofreza 2.500.000 $RD (50.000€)... "só" hai que presentar un proxecto xeitoso que teña  que ver con saúde ou educación... na miña terra iso chámase lavar a cara de mala maneira..., toca formular o proxecto, toca pensar en que se se leva a cabo será algo bó... o que é a vida! Ás veces contradictoria...
Admiración profunda!

Cada día aquí aprendo...comparto, soño, edúcome... e tiven a SORTE de cruzarme cunha desas persoas que cambian a túa vida con só entrar nela... quen con 17 é capaz de ensinarche que querer é poder, que o medo quítase (igual que as cóxegas!), ... que ser valiente se aprende, ... cada vez que abre a boca faime pensar, reflexionar... o dito, eu de grande quero ser coma il! Estarei eternamente agradecida por facerme partícipe da súa historia, por deixarme ver detrás da cortina...!

Quizais mañá comece outro proxecto paralelo...pouquiño a pouco...non imos adiantar acontecementos...
... ás veces non é doado estar lonxe, outras veces é necesario, a maioría unha mestura...e as mesturas son boas!

Xa bautizada co mofle na perna dereita (la cole motora...! menuda queimadura güey!) e cun rebú vivido.... hai que ir para o sobre...

Saúde!

miércoles, 26 de septiembre de 2012

DESCUBRINDO...



Levamos pouco tempo, é certo. Quizais porque todo se vive com máis intensidade a sensación é  outra…
A tarefa que se nos encomendou a nós as catro e, para o que se supón, que nos preparou o Máster en Cooperación é  realizar propostas de proxectos… a miña curta experiencia (pero experiencia á fin e o cabo) dime que para facer unha proposta en condicións fan falta moitas cousas: contextualizar, tempo, coñecementos, profundizar… pídennos que fagamos en tres meses un análise de cada departamento da organización, das suas necesidades e que formulemos.  É moito para tres meses… e, vaia, debemos sumarlle a calma coa que funcionan cousas por estes lares…
Vaia, imos intentar facelo o mellor posible, evidentemente. Pero, hoxe é un dia   deses  que agobian… máis que nada por iso de “quen moito abarca, pouco apreta”…
O Departamento no que máis traballamos ata o de agora é Apoio Legal. Anabel, a rapaza que o leva, deunos información cando menos sorprendente sobre aspectos xurídicos deste país…
Non é difícil adquiri a nacionalidade dominicana para ningunha persoa estranxeira, excepto se eres haitian@. Hai moita poboación haitiana na República Dominicana, dende o terremoto moita máis. Un gran número son crianzas que cruzan sen documentación de ningún tipo, que pasan a ser “mortos legais”, ó non ter nacionalidade dominicana nin haitiana non teñen NINGÚN dereito (NINGÚN, nin sanidade, nin alimentación, nin educación…)…   É moi complicado tratar este tema a nivel legal xa que ó non ter  nacionalidade nin xeito de conseguila calquera trámite para legalizar a situación destas persoas é inviable. Hai miles de casos de persoas que naceron na RD, que viven, traballan aquí mais non están nin poden estar recoñecidas como cidadanas.
Un problema entre países, un problema a nivel estatal, un problema que todo mundo coñece e, sen embargo un problema que todo mundo omite.
Neste momento, organizacións coma Acción Callejera que traballa por garantir os dereitos das crianzas só poden ser a súa voz, berrar o que está pasando (a risco de ser ignoradas), sensibilizar á poboación sobre este tema (o racismo está patente na rúa)…
Neste departamento dase outro caso recurrente, semellante pero ben diferente á hora de ser tratado. Crianzas dominicanas que non posúen acta de nacemento. Non posuír este documento supón  non ser cidadá/n legal, é dicir, non podem continuar estudos a partir de certo nivel, non teñen acceso á sanidade,  non podem ter propiedades, un contrato de traballo legal, casar ou adquirir o seu pasaporte.
 Solicitar a acta de nacemento…. Parece un trámite tan “tonto”…. Pois aquí non o é… é necesario que a nai teña acta de nacemento ( na maioria dos casos non temos a acta da nai ou, ainda peor, non temos nai), e que se documente de xeito fiable que a crianza é quen di ser. Un traámite bem complicado porque ás veces a  única persoa da família vive lonxe e tem que desprazarse a Santiago para testificar varias veces,  isto tem un coste que habitualmente non podem asumir…
Nenas en Los Guandules
Todos eses documentos tan ben escritos, tan ben pensados, tan NECESARIOS e que tan pouco se cumpren, A DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS ou a  CONVENCIÓNSOBRE OS DEREITOS DA INFANCIA.

Cada día reitérome na idea, de que o cambio é posible, é necesario, e TOD@S temos que ver… virar as costas ou apagar a televisión xa non vale, xa non!
….
En tódolos países se cocen fabas e, parece que alá, do outro lado do atlántico non é menos… sorprendíame aquí ó ver en cada esquina un guachi (seguridade privada) cunha metralleta, pistola ou similares… parece que na Espanha (unha grande e libre) a seguridade  é pública, as porras, pistolas, metralletas disque tamén… iso sí, son para protexer. Protexer a  vari@s fill@s de puta  que están, como non podía ser doutro xeito impedindo que a cidadanía exerza  os seus dereitos…e a iso chámanlle democracia.  Qué noxo!

Vaia parrafada vos soltei… Iso sí, por aquí todo ben.  Cada vez menos calor, menos moskitos (ou nótase menos!)…e  o snorkel, todo un descubrimento.

Saúde!

sábado, 22 de septiembre de 2012

Periodo de adaptación...

Comendo piña comprada no mercado do barrio, ese onde os moskitos e os dominicanos nos asubían mentras nos chaman gringas... dámonos conta, xa vai unha semana!

Unha semana que pasou rápido, intensa..., non deixa de ser o periodo de adaptación.  Coñecer a cidade, o barrio, a organización, unhas ás outras... cantas cousas! Mais todo ben, sacando ós moskitos e demáis bicherío!

O proxecto de Acción Callejera, non é fácil de coñecer, son moitos departamentos, moitas comunidades. Acción Callejera traballa con nenas, nenos e adolescentes en risco de exclusión social en diferentes comunidades de Sanrtiago. A parte de ofrecer servizo de apoio emocional ás crianzas e ás familias así como saúde, onde as persoas alleas de AC poden ter o servizo por un prezo significativo.  O traballo é inxente, pero grandioso. A nosa función aqui será facer un diagnóstico das carencias de cada departamento e das comunidades para realizar propostas de proxectos... moito traballo, moita responsabilidade... , ganas e forza non nos faltan!
Hoxe, para elas as compañeiras de aventura. Dende que cubrimos o papel da aduana  como familia,  feito quedou!

A  principios de semana fomos  a "Hoyo Puchula",  "Cienfuegos" ...onde había salas de tareas.

O mércores visitamos unha comunidade "Os Guandules", alí hai unha sala de tareas con crianzas de 2 a 14 anos, estar alí, xogar Jai, entrevistarnos coas mestras, ....foi xenial. As salas de tareas serven para que as crianzas teñan apoio escolar, e podan entrar na escola formal no curso que lles corresponde.

Hoxe visitamos o Centro Comunitario da "Yagüita", alí hai áreas de saúde (médica e odontóloga), biblioteca, comedor, gimnasio piscomotricidade, ... todo mobiliario donado por "japos" (de feito, veu o comité ver o centro e nos alí!)...

Perdernos polo barrio tamén é xenial... e aínda temos tanto de investigar! :)
Hoxe tocan unhas frías, e mañá e pasado praia!

Asique... BOA FINDE!

Esta semana as lembranzas vinheron da man dos meus enanos, que fixeron o día 20...6 anos! Canto vos boto de menos....! A minha xente....@s capull@s que andan de festa en Pinheira, como me acordo de vós, bendito guai-fai.

Saúde!



jueves, 20 de septiembre de 2012

Take Off ( dende o avión!)


Esto de escribir voando é “outro rollo” que diria un bo amigo meu (espero que todo ben por Barna!). É, case, coma escribir de resaca…ata é domingo. Parece que pasou moito máis tempo dende o venres, quizais pola intensidade dos últimos días.
Agora, que segundo as nosas contas imos pola metade do camiño (as pantallas do Boing 747 axudan ós cálculos), os pensamentos céntranse nas últimas horas na terriña. Non gosto das despedidas, eso xa se sabe, pero desta volta a despedida (en realidade é un ata o Nadal!”) tiña moitas connotacións, a maioría delas boas. Estou facendo o que sempre quixen, cumprindo un soño, e só por iso, merece a pena.
Con Urquijo de fondo, Eva e Fátima sobando ó lado, e todas estas persoas (máis de 800) voando cara Punta Cana  vénseme á cabeza esa mochila rosa, esa comba que conta as voltas, as gomas de Barbie, plastilina, esas “cousas “ que parecían mermelada ;) , a miña camiseta, e a bandeira… véñenme á cabeza @s amig@s, @s de verdade … que levan todo  este tempo agarrándome da man para chegar aquí, erguéndome cando foi (é!) preciso, empuxándome cando recúo…OBRIGADA! Por a noite do venres, unha cea elegante con bogavante non se ten calquera día. Por ser, estar e parecer. SEMPRE.
E, OBRIGADA, por descontado, @s que o venres non puidestes estar, pero estuvestes, estades preto!
O bo que ten subir as entradas a destempo. Xa nas rúas de Cidade Corazón.

E coa emoción da semana intensa e a gran cea coa súa correspondente “llorera” , ducha  e para Ourense coller o tren… alá quedaron bocatas, augas….e gracias que subimos nós con maleta e mochila, camiño de Madrid (que mal se respira nesa cidade, carallo!)… Noite en Barajas (pobo, en festas por certo)… e despois dun almorzo carísimo áT1 comezar en serio a aventura… Menuda cola nos atopamos!
As colas son un bon lugar para coñecer persoas xeniais… nos coñecemos a unha rapaza de Melilla, unha rapaza que ía nun veleiro e decidiu desembarcarse  antes de rematar unha aventura para comezar outra. Coñeceu a un grupo de persoas que decidiron deixar de queixarse e actuar, viven nunha zona na que moitas crianzas vivían na rúa, sen familia, sen comida, sen educación, …  crearon unha casa de acollida na fronteira de Haití e RD, a súa organización chámase Ayitimoun Yo ONG (podedes atopala no facebook!) ….
Estamos a 10.700m de altitude e imos  955km/h…., para vós son as 18.46 (empezou o partido do Taboada!) para nós suponse que xa as 14.46…. espéranos un día largo. Aínda hai que chegar a Punta Cana, coller un bus (que non sabemos se hai) ata Santo Domingo, pasaremos a noite alí e á mañá para o destino final, Santiago de los Caballeros! …
Saúde!

miércoles, 12 de septiembre de 2012

O ritual da maleta...

Hai moitas maneiras de saber cousas sobre unha persoa, para min unha delas é a súa maleta.
Eu gosto dos aeroportos, gústame observar ás persoas que pasan por alí, imaxinar de onde veñen a onde van, que é o que ou quen as espera... mentres espero na cinta a que chegue a miña, gústame botarme a adiviñar quen collerá cada maleta...estou convencida de que (se non fose unha intromisión na súa intimidade) podería saber tantas cousas vendo o que levan alí dentro...

Ando co meu ritual particular. Facer unha maleta para min é un ritual, sí. Hai que meter o xusto e o necesario, e non sempre é doado.  Aínda que da que pensar, roupa, neceser, botiquín... case sempre, é unha volta á rutina. Mais o complicado (para este bicho, claro) está nos libros que te acompañarán, desta volta xa está escollidos virán conmigo (xa empezado) En vías de extinción de María Reimóndez, Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, e dous agasallos do cumple da miña panda O amante de Marguerite Duras e Xoguetes para un tempo prohibido de Carlos Casares. A música que levarás...buf, esto sçi que sería imposible de contar, aínda querendo... son moitos gigas de música, semellante aventura precisa dunha boa banda sonara, máis tendo en conta cal será a BSO ( e veña reguetón, salsa e merengue! )! A libreta da viaxe,ho agasallo tamén da miña panda, é o que ten que che sepan das manías, esa libre leva conmigo xa un mes, alí escríbese de todo, datos, enderezos, notas, rutas, ...e así ata o fin da aventura. (Hai máis libretas preparadas! ;)
A mochila, a cámara, a carpeta da documentación, bolis (sempre levo bolis, para que a libreta se non?)...

O que eu vos diga, un ritual...que por certo aínda está a medias...e conforme se achega o sábado o tempo bule máis!

Dende logo o "pior" de todo non está ahí, o jodido é o que queres levar na maleta e non podes. Pero, como dixo alguén a quen adoro fondamente  "iso é parte da aventura"  ...

 Ana e Anxo, porque contan os días que marcho, porque se tatuan a golpe de bic "Tatá" e, sobre todo, por ser @s que me fan sorrir sempre.  Das cousas que queres meter na maleta e non podes... (aínda que ben dobladiñ@s... :)


Sigamos pois co ritual...

Boa noite,

Saúde!

jueves, 6 de septiembre de 2012

2 anos máis tarde...

E de súpeto caín na conta... eu tiña un blog! Sí, fíxeno hai dous anos para un curso sobre redes sociais...nunca máis lle volvín tocar. Hoxe lendo a miña primeira entrada non puiden evitar sorrir. Decía (non sei aínda moi ben a quen) que era unha soñadora de 22 anos que estudaba maxisterio e pretendía facer da cooperación internacional o seu traballo. Ben, sigo a ser unha soñadora, agora de 24 anos, xa mestra e que marcha en 9 días facer as prácticas do Máster de Cooperación Internacional e Xestión de ONG's. 
Sigo feliz formando parte de Implicadas no Desenvolvemento e, pasaron moitas cousas. Boas e non tan boas, iso sí, de todas aprendín. Aprendo.



Vaia, parece que a cousa non saiu tan mal. 




Aínda así, ó ler o blog parece que foi onte cando escribín...sen embargo ó pensar en todo o que pasou nestes últimos dous anos parece que fai máis, moito máis.



Comeza agora unha nova etapa, para min e para moita da miña xente. Experiencias e aventuras, e digo eu, aproveita o blog para falar dende a República Dominicana e contar a miña experiencia na ONG na que vou facer as prácticas, Acción Callejera. Que xa se sabe que eu gosto moito de falar ;)

A ver se resulta a idea! 



 Hoxe a foto vai para ela, coa que converxo na distancia. Por aquelo de que cambiamos de etapa vital simultáneamente! 

Saúde!